O Festival Agrocuir da Ulloa é un evento pola diversidade sexual, afectiva e de xénero que se celebra no rural. É de carácter interxeracional e reivindica valores como o ecoloxismo, o feminismo e o respecto á diversidade.
Nesta edición seguimos apostando por realizar todas as actividades en diferentes lugares do pobo de Monterroso, para xerar un espazo aberto e accesible para todo o mundo. Por iso, nesta edición tampouco cobraremos entrada e por iso necesitamos a vosa colaboración para seguir facendo este soño posible.
Este ano celebramos a undécima edición os días venres 21 e sábado 22 de agosto. Dous días de música, teatro, contacontos, obradoiros, mesas redondas e moito baile. Un espazo aberto e accesible en diferentes puntos do pobo de Monterroso, onde converxemos persoas de todo o mundo nun ambiente de bo rollo e diversión.
Este ano, igual que noutros pasados, as recompensas físicas so poderán recollerse durante o festival. É a undécima edición e aínda que pareza mentira fainos moitísima ilusión seguir organizando o festival e atoparnos todes este verán, que é o que realmente importa. A sustentabilidade de iniciativas como a nosa está permanentemente en cuestión e necesita da vosa colaboración económica para seguir adiante. Sabemos que é moito pedir e por iso o facemos cun sorriso alegre e descarado.
Por outro lado, pensamos que o que é realmente valioso do Agrocuir non son as camisetas, os vasos, as pulseiras ou as bandeiras. O que vale e que si vos podedes levar son os recordos, amigues, cancións, puntos de baile e quizais algún grupo musical novo. Con todo isto, cando soe o espertador ás sete da mañá ou leas o enésimo correo no que non che dean os bos días, poñas nos auriculares algunha canción que escoitaches no festi, peches os ollos e volvan todas as cousas que viviches no Festival Agrocuir.
Isto si vale para toda a vida.
Características:
Facemos un evento que reivindica un rural vivo e diverso, propoñendo unha celebración do orgullo LGTBIQA+ cunha perspectiva de xénero e unha proposta alternativa de festival.
Todas as nosas actividades desenvólvense en Monterroso, buscando recuperar espazos naturais aos que dar unha nova vida desde o coidado e a sustentabilidade. É unha celebración que bebe das romarías tradicionais, xerando espazos diúrnos e nocturnos, dando cabida a un encontro interxeracional. Apostamos por propostas culturais que dignifican a tradición abrazando un presente diverso.
Obxectivos:
- Vivir dous días nos que poidamos compartir, divertirnos e bailar, bailar e bailar.
- Xerar espazos no rural para visibilizar a diversidade sexual, afectiva e de xénero neste entorno.
- Crear un encontro sostible e ecolóxico.
* Poñer en valor a riqueza material e inmaterial da Comarca da Ulloa.
- Aportar espazos de convivencia e celebración para todas as xeracións.
- Promover un espazo familiar non masificado que busca xerar comunidade.
- Tecer lazos de cooperación entre persoas e asociacións.
O Festival Agrocuir da Ulloa xurdiu da necesidade de xerar un espazo na comunidade que habitamos de celebración e reivindicación da loita LGTBIQA+, tradicionalmente asociados ao ámbito urbano, e á vez visibilizar a nosa forma de vivir, desde o respecto á cultura e ao medioambiente.
Vai dirixido a todas as persoas ás que lles apeteza compartir a nosa proposta, independentemente de quen sexas, como sexas e de onde sexas.
O Colectivo Agrocuir da Ulloa empezou cun pequeno grupo de amigues, de diversas procedencias, idades, sexualidades e sen experiencia profesional na xestión de festivais. Durante estes anos o colectivo medrou grazas a persoas que cambiaron a cidade polo rural, para habitalo e apostar por un modo de vida máis consciente e vencellado ao territorio. Temos en común o desexo de habitar nun rural vivo, diverso e sostible, e para contribuír á nosa causa organizamos cada ano este festival sen ánimo de lucro, aprendendo e medrando xuntes en cada edición.